Xornada: Aposta pola sanidade pública

Este mércores, 28 de novembro de 2018, celebrouse no café Moderno de Afundación, en Pontevedra, unha interesante e necesaria xornada en defensa da sanidade pública que contou coa presenza da Ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, e á que asistiron numerosos representantes dos diversos ámbitos sanitarios.

O acto se iniciou cunha presentación na que o noso candidato á alcaldía de Pontevedra, o compañeiro Tino Fernández agradeceu a boa asistencia, unhas 200 persoas, e mostrou a súa preocupación polo estado non só da sanidade pública galega, senón tamén pola situación de incerteza da sanidade en Pontevedra. A continuación deu paso ó Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, que incidiu no retroceso e deterioro ó que Feijoo está abocando á sanidade galega, con políticas de privatización, eliminación de áreas sanitarias, redución de pediatras ou enfraquecemento dos PAC e da atención primaria. Gonzalo insistiu en que o que necesita Galicia é unha sanidade pública de calidade, do século XXI, no que se teña moi en conta o envellecemento da poboación.

Tras o Secretario Xeral, tomou a palabra a Ministra, que lembrou que os socialista vemos defendendo unha sanidade para todos dende fai 140 anos, como se demostrou nos anos 80 coa Lei Xeral de Sanidade (cuxo 1º artigo fala do dereito universal á asistencia sanitaria) e coa construción do actual sistema sanitario, o cal tiña moi claro un principio: a cohesión social, o dereito a unha sanidade de calidade viva onde se viva e independentemente dos recursos de cada un. Asegurouse así unha política de redistribución cuxos maiores expoñentes eran a sanidade e as pensións. As políticas socialistas levaron a sanidade española a estar entre as 10 primeiras do mundo. Unha sanidade que non só buscaba a calidade na asistencia, senón tamén a calidade no emprego, cuns profesionais recoñecidos e ben remunerados. Tratase de políticas que reportan á cidadanía, non ós accionistas.

Todo isto púxose en perigo coas políticas de recortes do PP, lembrou a compañeira Carcedo, que adelgazou a clase media e aumentou os niveis de exclusión social, favorecendo unha sanidade privada na que os inversores viron unha oportunidade de negocio que xa non era posible coa construción. Durante estes anos o PP intentou deconstruír o Estado do benestar, eliminando o acceso universal a sanidade (excluíron a 900.000 cidadáns, o que é anticonstitucional), e tratando ós españois como se foran unha carteira de clientes, esquecendo que a sanidade se paga cos impostos que pagamos todos. Igualmente, os copagos levaron 2 millóns de persoas a ter que deixar de retirar todos ou parte dos seus medicamentos, co coste en saúde que iso supón. E todo isto pese a que o 97% dos cidadáns se manifestaron en contra destes recortes. Non foi de estrañar que, a partir do 2012, a sanidade aparecera por primeira vez entre os principais problemas dos españois.

“Todos estes ataques á sanidade os denunciamos dende a oposición”, lembrou Carcedo, “e agora que gobernamos, pretendemos recuperar todos estes dereitos. Empezamos pola universalidade, e seguiremos coa eliminación dos copagos, empezando por aqueles que afectan os cidadáns de menor renda ou que teñen familiares con discapacidade ó seu cargo”.

A segunda parte da xornada continuou coa celebración dunha mesa redonda que levou por título: “A sanidade pública galega a exame”, e que estivo moderada polo compañeiro Julio Torrado, voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario, que iniciou a súa intervención informando de que a sanidade galega é a terceira peor valorada de España. Tras el interveu José Luís Jiménez, Presidente do Colexio Médico de Ourense, que advertiu de que se ían producir opas hostís doutras autonomías para levarse ós nosos profesionais, queimados e desmotivados pola precarización da sanidade galega, en mans dunha consellería dedicada á demolición.

Elisa Ausín, voceira de “PAC en pe de guerra”, resaltou que a atención primaria está desbordada e que sofre unha manifesta falta de profesionais e de inversión, tendo que atender a centos de pacientes, sen apenas tempo de ofrecerlles unha atención de calidade. Negou que non houbera médicos para contratar, senón que, en moitos casos, o que non hai son médicos dispostos a traballar nesas condicións, preferindo irse a outras comunidades, ou incluso a outros países.

Pola súa parte, o compañeiro Víctor Pedreira, Secretario de Sanidade da nosa Agrupación, explicou que temos un moi bo sistema sanitario, pero que este se viu agredido polas políticas neoliberais do PP, que reduciu a inversión en sanidade un 8%, co que se deixaron de inverter uns mil millóns de euros en Galicia. Incluso en Asturias, que tampouco é unha comunidade rica, o gasto por paciente é moito maior que en Galicia (1650 € fronte a uns 1300 € en Galicia). Estes recortes levaron a que se perderan 900 camas e 1.000 profesionais en Galicia, ademais de abrir o abanico de privatizacións de servizos. Tamén denunciou a falta de transparencia, xa que se con Touriño se coñecían as listas de espera con certa periodicidade, coa chegada de Feijoo, estas só se fan públicas dúas veces ó ano, dados os malos datos que estas reflicten. Na súa exposición, Pedreira, incidiu, así mesmo, na política de purgas levadas a cabo polo PP, que non se limitaron ós cargos de libre elección, senón que se prolongaron ás xefaturas de servizo. “Trátase dun cambio de modelo”, insistiu, no que se suprimen áreas de saúde, no que non interesa a prevención, xa que a xente sa non é negocio e non enriquece ás farmacéuticas.

Na súa quenda, Manuel Marín, voceiro de SOS Sanidade Pública, aseverou que no Plan Funcional do novo Montecelo, que foi encargado a unha empresa privada, só se engaden 63 novas camas (pese a que as análises da poboación de Pontevedra indican unha maior necesidade), pero o que é peor, reducen as camas quirúrxicas, de traumatoloxía e de crónicos, coa intención manifesta de derivalos á privada, ó hospital Quirón (do que estará ben informado o candidato do PP a alcaldía de Pontevedra). Isto é máis grave do que parece, xa que a isto se suma o peche do Hospital Provincial e de Mollabao, cos seus servizos, sen garantías de espazo no novo hospital. Ademais está todo mal planeado, con servizos, como o de radioloxía, separados en dúas partes por centos de metros de distancia. Para eles o novo Montecelo é unha oportunidade para o negocio privado, como se pon de manifesto na falta de previsión e planeamento dun transporte público que facilite o traslado dos pacientes ó centro hospitalario, apostando, polo contrario, polo uso de coches particulares, xa que o negocio vai estar no parking privado (algo que aceptou o goberno local do BNG pese a alardear de modelo de cidade); ou entregándolle a empresas privadas, como á que se viu implicada na queima do arquivo documental sanitario de Pontevedra, boa parte dos servizos.

Por último, Ana Prieto, farmacéutica e compañeira da CENG, insistiu no dato de que 2 millóns de persoas non retiran medicamentos por motivos económicos, sendo os pensionistas de menor renda os máis afectados polo copago, e recalcou que os medicamentos non son un ben de consumo, senón unha necesidade.

Finalmente, e tras unha quenda de preguntas, na que os asistentes puideron abordar distintas cuestións, pechouse o acto coas intervencións da nosa Secretaria Xeral e Subdelegada do Goberno, Maica Larriba; da Vicesecretaria Xeral Provincial da CEP, Paula Fernández; e do Secretario de Sanidade da CENG, Juan Evaristo Rodríguez.

Facebooktwittergoogle_pluspinterestby feather

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

scriptsell.neteDataStyle - Best Wordpress Services