Vilán e Pierres esixen á Xunta de Galicia solucións para a Cidade Infantil Príncipe Felipe
Patricia Vilán e María Luisa Pierres, as nosas diputadas pontevedresas no Parlamento de Galicia, veñen de impulsar unha batería de iniciativas ao respecto da Cidade Infantil Príncipe Felipe.
O coñecido como “Príncipe Felipe”, en Pontevedra, é un centro aberto de acollida de menores con dificultades familiares ou en risco de exclusión. Ocupa unha superficie de 118.000 metros cadrados, nel traballan 229 persoas e ten a 210 menores en acollida, dos que unha terceira parte foron derivados pola Xunta de Galicia.
Este centro dispón dunha Unidade de Primeira Acollida que a Xunta de Galicia está a utilizar como instrumento para derivarlle ao “Príncipe Felipe” menores tutelados con multitude de problemas de condutas (tamén maiores de 14 anos), desentendéndose deles a partires dese momento, o que xera multitude de problemas para os e as menores con dificultades familiares ou en risco de exclusión que son responsabilidade da Deputación Provincial de Pontevedra.
En concreto, e ademais das preguntas formuladas sobre este tema, o Grupo Parlamentario Socialista, na parte propositiva das Proposicións Non de Lei, sinalan o seguinte:
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que:
- Exerza as súas competencias con relación a todos os menores de idade con dificultades familiares ou en risco de exclusión que se atopan no centro de acollida “Príncipe Felipe”, en Pontevedra.
- A tal efecto, e mediante a negociación con todas as Administracións implicadas, acade solucións non traumáticas para os menores mencionados, creando unha unidade específica propia no centro e destinada ao tratamento de problemas de condutas.



