Moción Rúa da Santiña

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, ao abeiro do disposto na lexislación vixente e particularmente nos artigos 67 letra c); 117 letra a) e 118 do Regulamento Orgánico do Pleno e das súas Comisións, presenta para o seu debate e votación no Pleno do Concello de Pontevedra a seguinte moción, en relación ao ESTADO DE ABANDONO E DETERIORO NO QUE SE ATOPA A RÚA DA SANTIÑA.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Rúa da Santiña é un dos múltiples puntos de especial interese histórico do noso concello. Desde a época romana constitúe o acceso e saída Norte da cidade de Pontevedra, a través da Ponte do Burgo, pois por ela discorría a Vía XIX ou Per Loca Maritima entre Braga, Lugo e Astorga. Séculos máis tarde, a rúa segue gañando importancia grazas ao camiño portugués a Compostela, traza que se mantén na actualidade.

Ademais, a día de hoxe, a estreita rúa é na meirande parte do seu treito unha vía que soporta un volume importante de tráfico, posto que serve de atallo para conectar a estrada de Vilagarcía co Burgo.

Pese a ese importantísimo valor histórico e funcional e a ser lugar de paso de milleiros de peregrinos cada ano, a rúa atópase nun alarmante estado de conservación e abandono, agás no pequeno treito que descorre entre as rúas Luís Otero e Valentín Paz Andrade, recentemente reurbanizado. No resto, as fochancas e o mal estado do firme fan tremendamente incómoda e insegura a circulación a pé, en bicicleta ou mesmo en automóbil. Non hai un só tramo de pavimento continúo, senón que a rúa é unha sucesión de parches, rebacheos e furados.

Ademais, nos lugares nos que existen beirarrúas estas destacan tamén polo seu mal estado e irregularidade. A maleza e o lixo acumulado nalgunhas zonas contemplan unha estampa que, desde logo, non se corresponde co que debería ser un ben patrimonial digno de conservación, nin coa imaxe que a nosa cidade lle debería ofrecer aos case 53.000 peregrinos rexistrados (turistas, en certo modo) que en 2016 atravesaron Pontevedra rumbo a Compostela.

Mención especial merece a Fonte da Santiña, xa no límite coa rúa da Gándara. Pese a estar catalogada tanto pola Xunta como polo Concello de Pontevedra como edificación a conservar, atópase rodeada de maleza, restos de todo tipo e “adornada” nun dos seus extremos cun colector de lixo que afea notablemente o entorno e traslada unha sensación de moi pouca salubridade desta histórica fonte.

O Goberno Municipal ten manifestado verbalmente en varias ocasións a intención de acometer obras neste entorno, ben a través dos fondos europeos recibidos por medio da denominada estratexia DUSI, ben con fondos propios, algo para o que supostamente se está en trámite de encargar un proxecto. En todo caso, este grupo municipal descoñece ata onde quere chegar o Goberno con esta actuación e a tipoloxía das actuacións a realizar.

Polo tanto, por todo o sinalado anteriormente, o grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra presenta a seguinte:

Polo tanto, por todo o sinalado anteriormente, o grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Pontevedra presenta a seguinte:

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN

A Corporación Municipal de Pontevedra insta ao Goberno Municipal a:

  1. Rehabilitar a rúa da Santiña na súa totalidade, cun pavimento que permita, por unha banda, transitar por ela en condicións óptimas de seguridade e, por outra, poñer en valor a importancia histórica e turística, como ruta romana e de peregrinación a Compostela, deste vial.
  1. Coidar regularmente, mantendo limpo e libre de maleza, o entorno da mesma.
  1. Poñer en valor a Fonte da Santiña, saneando a construción e o seu entorno.
  1. De non existir impedimento técnico, incluír esta obra entre as que finalmente sexan financiadas cos fondos europeos recibidos a través da estratexia DUSI, de xeito que a actuación poda ser executada canto antes.

Pontevedra, 6 de febreiro de 2017

IVÁN PUENTES RIVERA

Concelleiro do G. M. do PSdeG PSOE

ILMO. SR. ALCALDE DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Facebooktwittergoogle_pluspinterestby feather

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

scriptsell.neteDataStyle - Best Wordpress Services