Mocidade, única xestión de Feijóo: regalarlles unha maleta e que marchen de Galicia.
“A xestión de Feijóo e o PP con respecto aos mozos e mozas pode resumirse en cifras: soamente no período que vai de 2009 a 2012, saíron 66.718 persoas mozas de entre 16 e 34 anos fóra de Galicia, deles 19.412 ao estranxeiro”, declarou hoxe María Pierres.
“As cifras son arrepiantes. As políticas de Feijoo expulsaron do noso país decenas de miles de mozos e mozas da xeneración mellor formada da nosa historia. Un drama para eles e as súas familias, pero tamén un drama para todos nós como sociedade”, apuntou a candidata socialista ao Parlamento de Galicia.
Para que a mocidade deste país teña futuro, os e as socialistas queremos impulsar un paquete de medidas que permitan reverter esta situación. E o primeiro sen dubida é poñer ao frente do goberno a un socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, unha persoa, que, como profesor universitario, coñece moi ben a importancia de que Galicia conte coa mocidade mellor formada para sair da situación na que a deixa o PP de Nuñez Feijóo.
María Pierres desgranou as propostas máis salientables do programa socialista en materia de mocidade:
- É necesario por en marcha un Plan de Formación e Emprego Xuvenil, deseñado non dende un despacho, senón en colaboración coas organizacións do tecido asociativo xuvenil. Un plan que se axuste as necesidades reais dos mozos e mozas e lles permita nha inserción laboral de calidade.
- Temos que rebaixar as taxas universitarias. Son excesivos os castigos por segundas, terceiras ou cuartas matrículas (aumento do 20, 66 e 90 %).
- Hai que facilitar a volta ao sistema educativo da xuventude que o abandonou moi cedo, en plena burbulla económica, para adicarse a traballar, nomeadamente no sector da construción.
- Fomentaremos o emprendemento individual e colectivo a través de medidas específicas como as Iniciativas Locais de Emprego ou os Viveiros de Empresas.
- Exploraremos novos nichos de emprego como o turismo rural e mariñeiro e un mellor aproveitamento das axudas europeas nos eixes de acción dos grupos de desenvolvemento rural e de acción costeira.
- Recuperaremos o Plan de Vivenda en Aluguer para mozos e mozas con periodicidade anual.
- Temos que facer todos os esforzos necesarios para que os miles de galegos e galegas que se foron do país retornen e nos axuden a avanzar. Para elo deseñaremos políticas específicas de procura do retorno dos mozos e mozas emigrantes a Galicia, e cando non sexa posible, de apoio á mocidade galega desprazada, con especial referencia á instalada na Inglaterra post-Brexit.
“As políticas dirixidas a mocidade son transversais e ocuparán un lugar destacado na acción do goberno presidido por Xaquin Fernandez Leiceaga. Poucas cousas hai mais importantes que por en valor ese tremendo activo que é a mocidade galega”, rematou dicindo María Pierres.



