As socialistas seguen a defender a diversidade co evento “os vermús de Pinto e Maragota” e a igualdade no Parlamento galego.

A concelleira socialista, Paloma Castro, presentou unha nova oferta para o ocio estival, chea de contido social e integrada no programa municipal de diversidade sexual. Este evento, denominado “os vermús de Pinto e Maragota”, dará comezo este sábado e consistirá en catro sesións vermú que se levarán a cabo en distintas prazas da cidade, acompañadas de música, danza, poesía, performance e debates. A actividade “É moi enriquecedora a nivel social e cultural”, indicou a concelleira de Igualdade e Benestar Social.

Estes actos se celebrarán os penúltimos sábados de xullo, agosto, setembro e outubro. Polo que este sábado, na praza de Méndez Núñez, terá lugar, dende as 12.30 horas, o primeiro espectáculo, que consistirá nunha actuación de danza contemporánea, a cargo de Xiana Vilas e Isabel Sánchez, coa música do Dj Moreno Moreno. Desafía o movemento será o título desta actuación de música e danza pola diversidade, xa que o ocio tamén pode estar cheo de contido.

En vindeiras datas terán lugar novas actuacións, tales como: o 24 de agosto, na Praza da Verdura, a performance de reivindicación da cultura drag; o 21 de setembro, no Campiño de Santa María, o recital poético Transmatria;  e finalmente, o 19 de outubro, un debate sobre a vida trans en Pontevedra, no espazo gastronómico do Mercado de Abastos, no que participarán, entre outras, a nosa compañeira Ada Otero.

O obxectivo desta iniciativa da área de xestión socialista do concello é facer participe a toda a sociedade pontevedresa do día a día do colectivo LGTBI, a fin de favorecer e normalizar a diversidade social. Ademais os locais de hostalería desta prazas cooperarán co evento, con ofertas e prezos especiais durante estas xornadas.

Neste mesmo senso de promover a igualdade, trala denuncia da compañeira Paloma pola cesión, por parte da Xunta de Galicia, dun local público na cidade á asociación antiabortista, Red Madre, vinculada ó PP, o grupo socialista no Parlamento de Galicia, presentou unha iniciativa parlamentaria para exixir á Xunta que aclare a puntuación lograda pola mencionada asociación para obter o local no Edificio Azul da Xunta en Pontevedra.

Dita iniciativa foi presentada polas compañeiras deputadas María Pierres e Patricia Vilán, que manifestaron que os criterios de puntuación son “dificilmente objetivables”, e teñen curiosidade por coñecer cal é a “relevancia social do proxecto” (polo que conseguiron a máxima puntuación) presentado polas antiabortistas, como para xustificar unha cualificación por riba de asociacións e colectivos sociais con maior tradición na cidade, como a Asociación contra o Cáncer, Greenpeace, o Club Baloncesto Estudiantes ou o Club Treboada. Igualmente lle preguntarán ó goberno de Feijóo se comparte os contidos que aparecen na Web da asociación conservadora, no que defenden ideas como o sufrimento dos fetos ou os problemas de parella e “tristura das mulleres” asociados ó aborto. Ideoloxías contrarias á libre elección das mulleres. As compañeiras deputadas tamén aproveitarán para reclamar ó goberno galego dos conservadores unha resposta en canto a coñecer se apoian a lexislación que regula a interrupción voluntaria do embarazo en materia de protección  da decisión persoal das mulleres, dado que o PP galego se abstivo nunha votación en favor dunha iniciativa en defensa do cumprimento de dita lei no pleno do Parlamento galego.

Facebooktwittergoogle_pluspinterestby feather

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

scriptsell.neteDataStyle - Best Wordpress Services