Antón Louro propón que a primeira fase da ARI chegue a un total de 187 vivendas do Centro Histórico.-

CH-PontevedraA Concellería de Urbanismo intentará que a primeira fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Centro Histórico de Pontevedra chegue a un total 187 vivendas repartidas por 46 edificios. Así figura na memoria-programa que hoxe aprobou a Xunta de Goberno Local e que será remitida ao Ministerio de Fomento, encargado de distribuír os fondos do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016.

O tenente de alcalde e responsable municipal de Urbanismo, Antón Louro, volveu lamentar que os fondos para a estrea desta ARI chegan con dous anos de atraso, pola falta de financiamento do plan estatal. Ademais, con recortes por mor da non participación da Xunta de Galicia que, por primeira vez, non achega fondos para as subvencións á rehabilitación.

Antón Louro destacou que estas 187 actuacións propostas refírense a adecuacións de fachadas, cubertas e carpinterías exteriores; mellora de elementos comúns e, finalmente, de vivendas propiamente ditas, coa finalidade de mellorar as súas condicións de habitabilidade e accesibilidade.

Esta primeira fase cínguese, por tanto, ás anualidades de 2015 e 2016 e contempla un orzamento total de 6.013.733 euros, dos que o Ministerio de Fomento achega 2.104.806 euros; a Xunta, 0 euros; o Concello, 700.746 euros e os propietarios das vivendas a rehabilitar deberán correr cos 3.208.180 euros restantes.

En canto ao reparto dos fondos pola súa utilización final, un total de 4.935.661 euros estarán destinados á rehabilitación do parque edificatorio, 959.506 euros a obras de reurbanización do espazo público, 130.307 euros a gastos da Oficina municipal de Rehabilitación e 148.207 euros a outros gastos.

As obras de rehabilitación edificatoria espallaranse ao longo dos anos 2015 e 2016, mentres que a obra pública na rúa agardará ata o ano 2016. Neste apartado están incluídas as rúas de Tristán de Montenegro, Pratería Vella, Eirado de Alvar Paes, o peche do perímetro do espazo arqueolóxico da ponte do Burgo,os novos quioscos da praza da Ferrería e a mellora da eficiencia enerxética na iluminación ornamental do Centro Histórico.

Antón Louro explicou que trátase da proposta que o Concello fai ao Ministerio de Fomento, e cualificouna como maximalista. Será o Ministerio, no reparto dos fondos do Plan Estatal o que poña as cifras finais. O reparto concretarase na habitual sinatura do convenio coa comisión bilateral Estado-Xunta. A Concellería de Urbanismo xa está a traballar, mentres tanto, na redacción da convocatoria e as bases que regularán a concesión das subvencións, co obxectivo que a ARI poda comezar a súa andaina canto antes.

O importe da subvención que percibirán os propietarios que se acollan aos beneficios da ARI será dun máximo de 11.000 euros por vivenda ou un 35% do orzamento protexible. A contía só pode incrementarse en caso de realoxo durante a duración das obras ou reconstrución ou substitución de vivendas demolidas.

A memoria-programa fai un retrato demográfico do Centro Histórico, no que residen 2.098 habitantes (un 2,5% do total de Pontevedra) e no que o 63% das vivendas están en réxime de propiedade e un 34% alugadas. A inmensa maioría dos residentes ocupan a vivenda de maneira permanente.

Durante o traballo de campo realizado para a elaboración do documento constatouse a existencia dun total de 1.528 vivendas neste ámbito. A maior preocupación dos veciños é o arranxo de tellados e fachadas, así como as humidades derivadas de vivendas anexas en mal estado.

Facebooktwittergoogle_pluspinterestby feather

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

scriptsell.neteDataStyle - Best Wordpress Services