A situación demográfica de Galicia é de absoluta emerxencia.
“Galicia non só perde poboación, senón que a actual experimenta un intenso proceso de avellentamento e falla de renovación xeracional”, afirmou na súa comparecencia María Pierres, candidata socialista ao Parlamento de Galicia.
O asunto é tan grave que de manterse a tendencia demográfica actual implicaría que Galicia contará en 2051 cun millón de habitantes menos que na actualidade, segundo as previsións do IGE. A diminución e o avellentamento da poboación poñen en perigo a sustentabilidade do modelo económico, político e de benestar social do noso país. Esta é unha cuestión de país e de máxima prioridade para o futuro de Galicia, e os e as socialistas facemos un compromiso nítido coa revitalización demográfica do país.
O PSdeG-PSOE vai converter a recuperación demográfica de Galicia nun asunto prioritario das políticas públicas, e promoverá un acordo social cos principais axentes políticos e sociais do país que se concretará nun Plan de Revitalización Demográfica.
Para actuar eficazmente sobre as variables demográficas, ou sobre as súas consecuencias socioeconómicas, é imprescindible unha actuación continuada e firme. Só unha acción global, emprendida desde bases sociais e políticas sólidas, ten algunha garantía de éxito no longo prazo. Xa que logo, débese articular un amplo consenso político e social tanto sobre o diagnóstico como sobre as vías de solución.
“A revitalización demográfica sostible pasa por utilizar de xeito combinado os impulsos á fecundidade e o fomento da inmigración”, indicou María Pierres engadindo que “non hai solucions rápidas senón políticas transversais e a longo prazo”.
Non é só importante a recuperación do emprego a nivel xeral, senón tamén a creación de oportunidades para a incorporación dos mozos e mozas ao mercado laboral, dado que o desemprego e a migración da mocidade están nun nivel de gravidade moi superior ao do conxunto da poboación.
Para que o emprego xuvenil teña consecuencias positivas en materia demográfica ten que reducirse de xeito moi substancial o nivel de desemprego, e os postos de traballo a disposición dos mozos e mozas teñen que ter estabilidade e un adecuado nivel de remuneración.“É por iso preciso un Plan de Emprego Xuvenil e outras medidas de promoción do emprego que faciliten que a xente nova poida quedar en Galicia e evite a emigración”, subliñou a candidata socialista.
Dado que se trata de crear elementos estables que faciliten a crianza dos fillos e fillas, hai que insistir na necesidade da dotación de escolas infantís públicas de 0 a 3 anos, en condicións de accesibilidade universal, con tarifas non-disuasorias, debidamente planificadas no territorio.
“A demografía é un asunto complexo e apaixoante que vai a influir decisivamente na política das próximas décadas”, finalizou dicindo María Pierres.



