Á Mesa do Parlamento: O Proxecto de Estación Intermodal Pontevedra
Patricia Vilán Lorenzo, Raúl Fernández Fernández e María Luisa Pierres López, deputadas e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión 2.a, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.
No mes de febreiro deste ano reuníanse o vicepresidente da Xunta de Galicia, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o alcalde de Pontevedra, coa fin de tratar o asunto de financiamento do proxecto de estación intermodal para a cidade.
O proxecto de estación intermodal xa vén de vello. Consiste en acadar que Pontevedra teña conexión entre as estacións de trens e autobuses, ademais da unión desta segunda estación coa nova avenida Josefina Arruti a través dun ramal e da creación dun gran espazo con aparcamento para dar servizo entre as dúas estacións. Polo visto, a proposta da Xunta de Galicia é a instalación dunha pérgola de conexión peonil duns 100 metros (descartando entón un túnel ou unha pasarela elevada).
A cuestión está en que o Goberno galego axude a cofinanciar, xunto co concello, esta obra. Mais dende o mes de febreiro nada se sabe e ocorre que o Proxecto de lei de orzamentos do Estado nada di e a Lei de orzamentos da Xunta de Galicia só destina 100.000 euros en 2017.
Por todo o exposto, as deputadas e o deputado que asinan formulan as seguintes preguntas para o seu debate en Comisión:
- Que novidades hai do contido da reunión que no mes de febreiro mantiveran o vicepresidente da Xunta de Galicia, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o alcalde de Pontevedra, coa fin de tratar o financiamento do proxecto de estación intermodal para a cidade?
- Como ten previsto o Goberno galego facer efectiva a intermodalidade entre as estacións de trens e autobuses de Pontevedra?
- Desbota absolutamente o Goberno galego as opcións dun túnel ou unha pasarela elevada?
- Pensa o Goberno galego que a intermodalidade só poderá ser efectiva cando existan horarios e billetes únicos? Para cando ten previsto esta posibilidade?
- En que partida orzamentaria da Lei de orzamentos para 2017 incluíu o Goberno galego este proxecto de 3 millóns de euros a asumir pola Xunta de Galicia?Pazo do Parlamento, 9 de maio de 2017Asdo.: Patricia Vilán Lorenzo Raúl Fernández Fernández María Luisa Pierres López
Deputadas e deputado do G.P. dos Socialistas de Galicia



