A Concellería de Educación homenaxea a Xosé Filgueira Valverde cun obradoiro literario a partir da obra “Agromar”.-

Filgueira-AgromarA Concellería de Educación, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2015 no que se homenaxea a Xosé Filgueira Valverde, preparou a celebración dun obradoiro para nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria. A actividade tomará como base de traballo fragmentos da obra de teatro “Agromar”, publicada por Xosé Filgueira Valverde en 1936 baixo o pseudónimo de J. Acuña.

O concelleiro de Educación, Tino Fernández, destaca a orixinalidade do formato de achegarse á figura cultural de Xosé Filgueira a través dunha das súas creacións, especialmente concibida para o público infantil.

Fernández explicou que a figura de Xosé Filgueira, referente cultural galego e pontevedrés, merecía un xesto da Concellería de Educación no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Ademais, o departamento municipal ten como costume celebrar as Letras Galegas co agasallo de lotes de libros ás bibliotecas dos colexios que participan no programa O Cartafol do Lérez, que organiza coa colaboración da editorial Kalandraka. Desta volta o agasallo será tamén para os propios rapaces do Cartafol con exemplares de “A frauta máxica”, de Joan de Déu Prats. O libro, ilustrado por Joma, inclúe un CD da ópera de Mozart.

Os obxectivos didácticos deste obradoiro sobre Filgueira son o fomento da creatividade e a reflexión cultural, utilizando a lingua galega como vehículo. A través da utilización de diferentes dinámicas de grupo, o alumnado poderá acadar unha auto-conciencia das súas capacidades creativas e, asemade coñecerá as técnicas narrativas e os temas mais salientables do autor pontevedrés.

Cada sesión terá unha duración de 60 minutos e participarán en torno a 50 alumnos por grupo. Os rapaces debaterán sobre a comprensión da obra e crearán, en equipos de seis alumnos, pequenos relatos literarios a partir de fragmentos de “Agromar”. Os mellores textos serán obxecto dunha escolma que será divulgada a través da web do servizo municipal de Educación.

Facebooktwittergoogle_pluspinterestby feather

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

scriptsell.neteDataStyle - Best Wordpress Services